quinta-feira, 14 de fevereiro de 2008

MOSTRA DE TEATRO NON PROFESIONAL DO MIÑO PRESENTE NO ENCONTRO ASOCIATIVO GALEGO-PORTUGUÉS EN FAMALICÃO

O pasado fin de semana (8, 9 e 10 de febreiro) celebrouse na Casa das Artes de Vila Nova de Famalicão (Portugal) a Mostra-Encontro de Asociacións Xuvenis Galiza-Norte de Portugal. Neste evento, que foi apoiado por diversos organismos galegos e portugueses, déronse cita máis de 60 asociacións ou colectivos de xóvenes de ambos lados da raia, un total de máis de 250 mozos e mozas que tiveron unha magnífica ocasión para expor as súas actividades e proxectos, para reflexionar e debater sobre as problemáticas e desafíos comúns e moi especialmente para convivir e comunicarse con outros xoves.




A convocatoria para participar neste Encontro foi aberta a todas as asociacións xuvenis ou grupos non formais que quixesen estar presentes. Deste xeito, reuníronse en Famalicão colectivos procedentes de todas as provincias galegas e de todos os distritos do norte de Portugal, e vinculados aos máis diversos ámbitos e actividades (ecoloxistas, deportivas, académicas, musicais, de defensa da lingua, políticas, etc).
Entre todos estes colectivos, estivo tamén representada a Mostra de Teatro non profesional do Miño a través de dúas alumnas do IES da Sangriña da Guarda que, ademais de divulgar este evento teatral transfronteirizo entre todos os presentes na Mostra, tamén participaron de maneira activa e comprometida nas dinámicas de discusión desenvolvidas a través de diferentes grupos de traballo.



Alumnas do IES A Sangriña no estand da Mostra de Teatro non profisional do Miño que elas propias montaron con boa dose de creatividade, na área expositiva deste Encontro.



Moitos mozos e mozas achegáronse ao espazo da Mostra de Teatro para obter máis informacións sobre o evento.


Nun gran encontro transfronteirizo voltado para a mocidade como foi este, un evento da natureza da Mostra de Teatro do Miño non podía pasar desapercibido, pois, como poucos, representa ben esa vontade de entendimento e achegamento entre as culturas e xentes de ambas beiras miñotas. Muitas foron as persoas que se aproximaron para informarse ao stand da Mostra, que as propias alumnas guardesas montaron improvisadamente aproveitando os recursos disponibles.























As alumnas guardesas (esq. Edna, der. Noemi) participaron activamente en todas as actividades organizadas durante o fin de semana en Famalicão.

Esta non é a primeira vez que se organiza un Encontro entre asociacións xuvenís galegas e portuguesas, pero hai que sinalar que si que é a primeira vez que este desenvolveu con certos criterios sempre necesarios: unha ampla divulgación e convocatoria, unha boa e diversa participacion e unha articulación coherente entre mostra, traballo e convivio por parte da mocidade participante. Isto non significa que non houbese aspectos non tan positivos e mellorables, pero o que é certo é que o encontro deste pasado fin de semana pode ser, se así o queren os diferentes organismos e os colectivos xuvenís de ambos lados da raia, un punto de partida desde o cal seguir traballando, desde a propia mocidade, en prol da aproximación destes dous povos tan cercanos e muitas veces tan distantes.

PRIMEIRA PARTE DO CURSO DE INICIACIÓN Á ANIMACIÓN DE RÚA NO CENTRO GOIANÉS.

Ao longo deste mes de febreiro a Concellalía de Xuventude do Concello de Tomiño, puxo en marcha outra actividade mais dentro do seu programa destinado a formación de mozos e mozas nas diferentes áreas que envolven à arte teatral. Estas iniciativas forman parte da aposta decidida por parte do Concello tomiñés en prol do achegamento da mocidade ás diferentes áreas artisticas en xeral, e pola MOSTRA DE TETRO NON PROFESIONAL DO MIÑO en particular.

Se no mes de xaneiro os mozos e mozas baixomiñotas tiveron ocasión de desfrutar e aprender nun obradoiro de Expresion Corporal, desta volta puideron iniciarse ao mundo da animación de rúa, aboradando aspectos diferentes como a construción artesanal de cabezas de "cabezudos".

Este curso, impartido no Centro Goianés, divídese en dúas xornadas. A primeira (à que pertencen as proximas imaxes) tivo lugar o pasado día 9 de febreiro cunha participación moi positiva por parte dos rapaces e rapazas. A segunda será o día 16 de febreiro de 10:00 a 14:00 hs.






BOA ACOLLIDA DO CURSO DE EXPRESIÓN CORPORAL

O pasado día 12 de xaneiro tivo lugar no Centro Goianés o curso de Expresión Coporal, organizado pola Concellalia de Xuventude do Concello de Tomiño e inserido dentro da actividade formativa desenvolvida pola MOSTRA DE TEATRO NON PROFESIONAL DO MIÑO.

Este obradoriro, impartido por Olga Cameselle "Led", tivo unha boa resposta por parte dos alumnos dos concellos da Guarda, Rosal e Tomiño, quedándose curtas as prazas disponibeis perante a grande demanda por parte de bastes mozos e mozas amantes das artes escénicas.