sábado, 25 de abril de 2009

REPORTAXE DA SESIÓN DE APERTURA DA IIIª MOSTRA DE TEATRO NON PROFESIONAL DO MIÑO

O pasado xoves, 23 de abril, celebrouse no auditorio do IES da Sangriña (A Guarda) a sesión de inauguración da IIIª Mostra de Teatro non profesional do Miño.


Os alumnos Sara e Carlos conduciron a gala na que deron a benvida a todos os asistentes, repasaron a curta pero intensa historia da Mostra e transmitiron a gratitude, en nome da organización, a todos aqueles que fixeron posible que un ano mais se celebre este evento teatral.




Plantexouse tamén a cuestión da continuidade futura desta Mostra que so será posible se existe unha aposta decidida por parte das institucions autonomicas e locais asi como de sectores privados ou persoas que axuden a que a Mostra se consolide cada primavera na axenda cultural baixomiñota.



Este acto estivo amenizado por dúas actuacións da que todos os asistentes desfrutaron e que son boa mostra da rica e diversa actividade que se desenvolve no IES da Sangriña fora dos horarios lectivos no seu acertado intento de abrir o centro non so a alumnos e profesores senón a toda a poboación en xeral.







A primeira das actuacións, e que foi a encargada de abrir este acto, correu a cargo do "Conxunto Instrumental do IES da Sangriña" constituido por alumnos e alumnas deste centro e que interpretaron un blues-funk.






A segunda actuación tivo como protagonistas a SAE A LUA, o grupo de pandereteiras formado no IES da Sangriña que interpretou un conxunto de cancións populares con claras piscadelas á outra beira do Miño.

Ambos proxectos son interesantes iniciativas do sempre activo Departamento de Musica do IES da Sangriña.

O "CONXUNTO INSTRUMENTAL DO IES DA SANGRIÑA" ACTUARÁ NO ACTO DE PECHE DA 3ª MOSTRA DE TEATRO

Ás 21:00 deste domingo, dia 26 de abril, xusto despois de rematar a representacion da peza AUTO DA HIBRIS terá lugar un breve acto que servirá de peche para a 3ª Mostra de teatro Amador do Miño. Durante este acto intervirán diferentes autoridades como: Jesús Castñeira, (concelleiro de cultura do Concello de Tomiño), Sandra González (alcaldesa do Concello de Tomiño), Pilar del Oro (responsable da Oficina Europea da Xuventude) e Vitor Dias (director do Instituto Português da Juventude para a rexión Norte de Portugal).

Tras estas intervencións e mentras se contabiliza a votacion do público, haberá unha intervencion do grupo instrumental do IES da Sangriña.




O departamento de Música do IES A SANGRIÑA, ven realizando unha intensa actividade dende fai cinco anos, primeiro organizando festivais de fin de curso e despois actuacións específicas con motivo das Letras Galegas, homenaxes a autores literarios, colaboracións cos departamentos de normalización lingüística, obradoiros de diferente índole como o conxunto instrumental ou de pandeireteiras.

Doutra banda, téñense realizado actividades culturais como viaxes e intercambios musicais con outras comunidades do Estado, sempre tendo como eixo central a música e o enriquecimento músico-humanístico.

O repertorio que o Concunto Instrumental do IES da Sangriña interpretará no acto de peche será:


-“Lela” Arranxo sobre a coñecida serenata de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao.

-“No llores por mí Argentina” o tema central do musical Evita composta por Andrew Lloyd Webber.

-“African Song” Un arranxo sobre un tema popular Zulú.

terça-feira, 21 de abril de 2009

MAIS MOSTRA....

Nos últimos tempos, o mes de abril e o teatro afeccionado son sinónimos nas terras baixomiñotas pois ven sendo por estas datas que se celebra a festa que reúne a grupos teatrais non profesionais e a amantes do teatro das dúas beiras do Miño.

A IIIª Mostra de Teatro non profesional do Miño xá está en marcha... e será celebrada durante os días 24, 25 e 26 de abril nas vilas da Guarda e Goián (Tomiño). Ao longo destes días serán representadas as 6 pezas que foron seleccionadas polo Xurado da Mostra de entre os máis de 30 traballos apresentados a concurso por grupos teatrais galego-portugueses.

Este evento xurdiu co obxetivo de se converter en plataforma que permitise a grupos teatrais non profesionais de Galiza e Portugal (ou calquera outro lugar da Lusofonia) ampliar o circuito de representacións, infelizmente tan reducido e limitado ao ámbito máis local. Esta mostra premia os mellores traballos apresentados, pero por riba de todo homenaxea o esforzo e a ilusión de millares de persoas que dedican boa parte do seu tempo e paixón ao mundo do teatro. A cantidade e calidade das obras presentadas nestes anos, así como o número de público que acode a cada sesión da Mostra, só pon de claro manifesto a boa saúde e vitalidade da que o teatro afeccionado goza a ambos lados da Raia.

Polo tanto, estes serán días de encontro para os amantes do teatro -xa sexa no palco como na platea- chegados de calquera punto de Galiza e de Portugal. Unha vez máis a arte circulará de maneira libre axudando a derrubar vellas e ríxidas fronteiras (as máis resistentes sempre son as mentais). O teatro como grandiosa ferramenta de expresión e de diálogo é capaz de producir este riquísimo contexto de cominicación e troca socio-cultural no que galegos e portugueses podemos coñecérmonos aínda máis, conseguindo ver no outro a boa parte de nós mesmos.

quinta-feira, 16 de abril de 2009

PONTE DA LIMA EM FESTA



GRUPO

Associação Cultural Unhas do Diabo (Ponte de Lima)

SINOPSE

A obra retrata as tradicións populares do Minho de maneira lúdica e festiva. Os personaxes procuran a implicación do público por medio do divertimento e da interacción na festa rachada que van creando.

DORMES?




GRUPO

IES Manuel García Barros (A Estrada)


Soñei que era eu
soñaron que era eu
desperto
o maior dos soños
nacer da nada
vivir na morte
soñei que era Deus

Dormes? Talvez todo sexa un soño... Imos a un lugar imaxinario que se cadra nunca existiu. Ou si...
Como sabes que agora mesmo non estás a soñar? Ao mellor nin sequera estás aquí.

ADEUS KANTOR



GRUPO

Asociación Teatral Paso de Valverde (A Coruña)

SINOPSE

A obra é unha homenaxe a un dos grandes do teatro: TADEUSZ KANTOR. Un mestre e uns actores van encontrando ferramentas dentro de si propios para construír unha dramaturxia corporal fuxindo de caer na psicoloxía e no “servilismo que o teatro practiva respecto á literatura”.
O público poderá achegarse ao teatro por dentro e vivir o proceso de creación actorar, o teatro en estado puro.

A MAGIA DA INOCÊNCIA



GRUPO

Associação cultural e recreativa de Arcozelo (Ponte de Lima)

SINOPSE

A obra baséase na historia da Nena dos Fósforos. Soíña, no frío do inverno, ninguén quere mercar os mistos que ela vende. Para quecer prende un misto e cada vez que o fai vive historias, historias en que ela transforma o final dramático nun final feliz. Así pasa con Romeo e Xulieta, Carmen, La Bayadère e Madame Butterfly.
Fronte á morte de cada personaxe aparece a nena, que transforma o destino fatal nun destino de amor e alegría.

CONVERSAS NA CUNETA MENTRES A VIDA PASA ALÁ FÓRA



GRUPO

O TRASNO. Novo Teatro

SINOPSE

Encontro de tres mulleres da mesma vila pero de moi distinta condición unidas na fuxida e distanciadas no seu comportamento ante a vida e o momento histórico que lles toca vivir.

A obra é unha homenaxe ás mulleres asasinadas na guerra e na posguerra, case sempre anónimas e esquecidas. Tamén é unha chamada á reflexión sobre temas que seguen a ser de actualidade: a subxectividade da información, a hipocrisía da sociedade, as relacións de parella, o terrorismo, os abusos do poder e outros.

AUTO DA HIBRIS



GRUPO

Lohengrín teatro (Vigo) e Associação Juvenil de Deão (Viana do Castelo)

SINOPSE

Hibris a desmesura, saír do xusto medio por exceso ou por defecto. Anxo e Demo venden as súas mercadorías nunha feira. Os clientes teñen que escoller entre os argumentos dun e doutro que parecen moi diferentes pero que no fondo non son tanto.
Preténdese espertar no espectador a dúbida, un pensamento crítico sobre a realidade. Mais o primeiro obxectivo é divertir, pois só divertindo e espertando o interese do público podemos conseguir que se impliquen o suficiente para pensar.

PROGRAMACIÓN DA 3ª MOSTRA DE TEATRO AMADOR DO MIÑO

DIA 23 DE ABRIL (XOVES-5ª FEIRA)
20:30 - IES da Sangriña (A Guarda)
-Acto de Inauguración.

DIA 24 DE ABRIL (VENRES - 6ª FEIRA)

20:30 - Auditorio Municipal de Goián (Tomiño):
- Dormes?. IES Manuel García Barros (A Estrada)
22:00 - IES da Sangriña (A Guarda):
-Conversas na cuneta mentras a vida pasa alá fora. O Trasno. Novo teatro (Vigo)

DIA 25 DE ABRIL (SÁBADO)

20:30 - IES da Sangriña (A Guarda):

- Ponte da Lima em Festa. Associação Cultural Unhas do Diabo. (Ponte da Lima)

22:30 - Auditorio Municipal de Goián (Tomiño):

- A magia da inocência. Associaço Cultural e Recreativa de Arcozelo. (Ponte da Lima)

DIA 26 DE ABRIL (DOMINGO)
18:00 - IES da Sangriña (A Guarda):

-Adeus Kantor. Asociación Teatral Paso de Valverde (A Coruña)

20:00 - Auditorio Municipal de Goián (Tomiño):

-Auto da Hibris. Associaçao Juvenil de Deão (Viana do Castelo) & Lohengrin Teatro (Vigo)
21:30:

- Premio do público e peche.

terça-feira, 14 de abril de 2009

ACTA DO XURADO DA MOSTRA DE TEATRO

O día 13 de abril de 2009 reúnese a organización da MOSTRA DE TEATRO NON PROFESINAL DO MIÑO para deixar constancia dos acordos do xurado constituído para seleccionar os grupos de teatro que participarán na terceira edición da Mostra que se celebrará nas vilas de Goián e A Guarda os días 24, 25 e 26 de abril de 2009.

O xurado está constituído polas seguintes persoas:

-Representante da organización, Presidenta da Asociación Cultural Feixó de Araúxo: Pilar Carro Loureiro.
-Representante da Consellería de Cultura: Mónica Meilán Pita.
-Alfredo Rodríguez. Actor, director e profesor de Teatro. Vigo
-Juan Carlos González. Actor e director de Teatro. A Guarda
-Ilda Teixeira. Actriz e directora de Teatro. Viana do Castelo

Presentáronse un total de vintesete grupos de teatro e trinta obras entre grupos escolares e grupos de teatro afeccionado de Galicia e Portugal. Por acordo da organización e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, promotora do evento, o total de grupos que van participar é de seis.

Os membros do xurado presentan as súas puntuacións unha vez visionadas as gravacións enviadas polos grupos de teatro, quedando seleccionados os que se indican a continuación:


GRUPOS DE TEATRO AFECCIONADO SELECCIONADOS (GALEGOS)


-ASOCIACIÓN TEATRAL PASO DE VALVERDE: “Adeus Kantor”


-O TRASNO NOVO TEATRO: “Conversas na cuneta mentras a vida pasa alá fóra”


-IES MANUEL GARCÍA BARROS: “Dormes?”


GRUPOS DE TEATRO AFECCIONADO SELECCIONADOS (PORTUGUESES)


-ASSOCIAÇAO CULTURAL UNHAS DO DIABO: “Ponte de Lima em festa”


-DUPLAFACE DA ASSOCIAÇAO CULTURAL E RECREATIVA DE ARCOZELO: “A magia da inocência”


-ASSOCIAÇAO JUVENIL DE DEAO (VIANA DO CASTELO)-LOHENGRÍN TEATRO (VIGO): “Auto da Hibris”

VIDEO-ANUNCIO DA IIIª MOSTRA DE TEATRO AMADOR DO MINHO

Fruto do entendemento e colaboración coa Asociación Cultural Feixó de Arauxo, encargada de organizar a "Mostra de Teatro non Profesional do Miño", a asociación cultural guardesa MORRACEIRA elaborou un video promocional da terceira edición da Mostra, valéndose das imaxes filmadas ao longo da gala presentación da Mostra de 2008 celebrada no Centro Cultural Goianés.

Neste fragmento asistimos ao baile realizado por alumnos e alumnas do IES da Sangriña (A Guarda) representando mediante unha danza a obra "Entremés famoso sobre a pesca no Rio Miño" escrita no século XVII polo autor Gabriel Feixó de Arauxo de quen toma nome a asociación cultural creada para organizar este evento teatral de referencia na comarca do Baixo Miño.