terça-feira, 21 de abril de 2009

MAIS MOSTRA....

Nos últimos tempos, o mes de abril e o teatro afeccionado son sinónimos nas terras baixomiñotas pois ven sendo por estas datas que se celebra a festa que reúne a grupos teatrais non profesionais e a amantes do teatro das dúas beiras do Miño.

A IIIª Mostra de Teatro non profesional do Miño xá está en marcha... e será celebrada durante os días 24, 25 e 26 de abril nas vilas da Guarda e Goián (Tomiño). Ao longo destes días serán representadas as 6 pezas que foron seleccionadas polo Xurado da Mostra de entre os máis de 30 traballos apresentados a concurso por grupos teatrais galego-portugueses.

Este evento xurdiu co obxetivo de se converter en plataforma que permitise a grupos teatrais non profesionais de Galiza e Portugal (ou calquera outro lugar da Lusofonia) ampliar o circuito de representacións, infelizmente tan reducido e limitado ao ámbito máis local. Esta mostra premia os mellores traballos apresentados, pero por riba de todo homenaxea o esforzo e a ilusión de millares de persoas que dedican boa parte do seu tempo e paixón ao mundo do teatro. A cantidade e calidade das obras presentadas nestes anos, así como o número de público que acode a cada sesión da Mostra, só pon de claro manifesto a boa saúde e vitalidade da que o teatro afeccionado goza a ambos lados da Raia.

Polo tanto, estes serán días de encontro para os amantes do teatro -xa sexa no palco como na platea- chegados de calquera punto de Galiza e de Portugal. Unha vez máis a arte circulará de maneira libre axudando a derrubar vellas e ríxidas fronteiras (as máis resistentes sempre son as mentais). O teatro como grandiosa ferramenta de expresión e de diálogo é capaz de producir este riquísimo contexto de cominicación e troca socio-cultural no que galegos e portugueses podemos coñecérmonos aínda máis, conseguindo ver no outro a boa parte de nós mesmos.

Sem comentários: