sábado, 25 de abril de 2009

REPORTAXE DA SESIÓN DE APERTURA DA IIIª MOSTRA DE TEATRO NON PROFESIONAL DO MIÑO

O pasado xoves, 23 de abril, celebrouse no auditorio do IES da Sangriña (A Guarda) a sesión de inauguración da IIIª Mostra de Teatro non profesional do Miño.


Os alumnos Sara e Carlos conduciron a gala na que deron a benvida a todos os asistentes, repasaron a curta pero intensa historia da Mostra e transmitiron a gratitude, en nome da organización, a todos aqueles que fixeron posible que un ano mais se celebre este evento teatral.




Plantexouse tamén a cuestión da continuidade futura desta Mostra que so será posible se existe unha aposta decidida por parte das institucions autonomicas e locais asi como de sectores privados ou persoas que axuden a que a Mostra se consolide cada primavera na axenda cultural baixomiñota.



Este acto estivo amenizado por dúas actuacións da que todos os asistentes desfrutaron e que son boa mostra da rica e diversa actividade que se desenvolve no IES da Sangriña fora dos horarios lectivos no seu acertado intento de abrir o centro non so a alumnos e profesores senón a toda a poboación en xeral.







A primeira das actuacións, e que foi a encargada de abrir este acto, correu a cargo do "Conxunto Instrumental do IES da Sangriña" constituido por alumnos e alumnas deste centro e que interpretaron un blues-funk.






A segunda actuación tivo como protagonistas a SAE A LUA, o grupo de pandereteiras formado no IES da Sangriña que interpretou un conxunto de cancións populares con claras piscadelas á outra beira do Miño.

Ambos proxectos son interesantes iniciativas do sempre activo Departamento de Musica do IES da Sangriña.

O "CONXUNTO INSTRUMENTAL DO IES DA SANGRIÑA" ACTUARÁ NO ACTO DE PECHE DA 3ª MOSTRA DE TEATRO

Ás 21:00 deste domingo, dia 26 de abril, xusto despois de rematar a representacion da peza AUTO DA HIBRIS terá lugar un breve acto que servirá de peche para a 3ª Mostra de teatro Amador do Miño. Durante este acto intervirán diferentes autoridades como: Jesús Castñeira, (concelleiro de cultura do Concello de Tomiño), Sandra González (alcaldesa do Concello de Tomiño), Pilar del Oro (responsable da Oficina Europea da Xuventude) e Vitor Dias (director do Instituto Português da Juventude para a rexión Norte de Portugal).

Tras estas intervencións e mentras se contabiliza a votacion do público, haberá unha intervencion do grupo instrumental do IES da Sangriña.




O departamento de Música do IES A SANGRIÑA, ven realizando unha intensa actividade dende fai cinco anos, primeiro organizando festivais de fin de curso e despois actuacións específicas con motivo das Letras Galegas, homenaxes a autores literarios, colaboracións cos departamentos de normalización lingüística, obradoiros de diferente índole como o conxunto instrumental ou de pandeireteiras.

Doutra banda, téñense realizado actividades culturais como viaxes e intercambios musicais con outras comunidades do Estado, sempre tendo como eixo central a música e o enriquecimento músico-humanístico.

O repertorio que o Concunto Instrumental do IES da Sangriña interpretará no acto de peche será:


-“Lela” Arranxo sobre a coñecida serenata de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao.

-“No llores por mí Argentina” o tema central do musical Evita composta por Andrew Lloyd Webber.

-“African Song” Un arranxo sobre un tema popular Zulú.

terça-feira, 21 de abril de 2009

MAIS MOSTRA....

Nos últimos tempos, o mes de abril e o teatro afeccionado son sinónimos nas terras baixomiñotas pois ven sendo por estas datas que se celebra a festa que reúne a grupos teatrais non profesionais e a amantes do teatro das dúas beiras do Miño.

A IIIª Mostra de Teatro non profesional do Miño xá está en marcha... e será celebrada durante os días 24, 25 e 26 de abril nas vilas da Guarda e Goián (Tomiño). Ao longo destes días serán representadas as 6 pezas que foron seleccionadas polo Xurado da Mostra de entre os máis de 30 traballos apresentados a concurso por grupos teatrais galego-portugueses.

Este evento xurdiu co obxetivo de se converter en plataforma que permitise a grupos teatrais non profesionais de Galiza e Portugal (ou calquera outro lugar da Lusofonia) ampliar o circuito de representacións, infelizmente tan reducido e limitado ao ámbito máis local. Esta mostra premia os mellores traballos apresentados, pero por riba de todo homenaxea o esforzo e a ilusión de millares de persoas que dedican boa parte do seu tempo e paixón ao mundo do teatro. A cantidade e calidade das obras presentadas nestes anos, así como o número de público que acode a cada sesión da Mostra, só pon de claro manifesto a boa saúde e vitalidade da que o teatro afeccionado goza a ambos lados da Raia.

Polo tanto, estes serán días de encontro para os amantes do teatro -xa sexa no palco como na platea- chegados de calquera punto de Galiza e de Portugal. Unha vez máis a arte circulará de maneira libre axudando a derrubar vellas e ríxidas fronteiras (as máis resistentes sempre son as mentais). O teatro como grandiosa ferramenta de expresión e de diálogo é capaz de producir este riquísimo contexto de cominicación e troca socio-cultural no que galegos e portugueses podemos coñecérmonos aínda máis, conseguindo ver no outro a boa parte de nós mesmos.

quinta-feira, 16 de abril de 2009

PONTE DA LIMA EM FESTA



GRUPO

Associação Cultural Unhas do Diabo (Ponte de Lima)

SINOPSE

A obra retrata as tradicións populares do Minho de maneira lúdica e festiva. Os personaxes procuran a implicación do público por medio do divertimento e da interacción na festa rachada que van creando.

DORMES?




GRUPO

IES Manuel García Barros (A Estrada)


Soñei que era eu
soñaron que era eu
desperto
o maior dos soños
nacer da nada
vivir na morte
soñei que era Deus

Dormes? Talvez todo sexa un soño... Imos a un lugar imaxinario que se cadra nunca existiu. Ou si...
Como sabes que agora mesmo non estás a soñar? Ao mellor nin sequera estás aquí.

ADEUS KANTOR



GRUPO

Asociación Teatral Paso de Valverde (A Coruña)

SINOPSE

A obra é unha homenaxe a un dos grandes do teatro: TADEUSZ KANTOR. Un mestre e uns actores van encontrando ferramentas dentro de si propios para construír unha dramaturxia corporal fuxindo de caer na psicoloxía e no “servilismo que o teatro practiva respecto á literatura”.
O público poderá achegarse ao teatro por dentro e vivir o proceso de creación actorar, o teatro en estado puro.

A MAGIA DA INOCÊNCIA



GRUPO

Associação cultural e recreativa de Arcozelo (Ponte de Lima)

SINOPSE

A obra baséase na historia da Nena dos Fósforos. Soíña, no frío do inverno, ninguén quere mercar os mistos que ela vende. Para quecer prende un misto e cada vez que o fai vive historias, historias en que ela transforma o final dramático nun final feliz. Así pasa con Romeo e Xulieta, Carmen, La Bayadère e Madame Butterfly.
Fronte á morte de cada personaxe aparece a nena, que transforma o destino fatal nun destino de amor e alegría.